O asentamento, orixinalmente chamado Stuart, comezou como unha estación telegráfica en 1872 no medio do territorio tradicional dos arrernte centrais, preto dun regato chamado Alice Springs e máis tarde coñecido como río Todd, no medio da rota das caravanas de camelos que percorrían o deserto australiano. O ferrocaril chegou en 1929 e a cidade mudou de localización, aínda que en 1933 pasou a se denominar oficialmente Alice Springs.
Na cidade está a base de utilización conxunta australiano–estadounidense Pine Gap (1966) para o seguimento de satélites militares, na que traballan 700 persoas, pero a maior fonte de ingresos da cidade é o turismo. Alice Springs é a segunda cidade máis grande do Territorio do Norte, colocándose, por tamaño e poboación só por baixo de Darwin. É coñecida popularmente como The Alice, ou simplemente Alice.
A cidade está case no centro exacto de Australia, e era un punto de paso para a liña de telégrafo entre Adelaida e Darwin. Ata a década de 1930 a cidade chamouse Stuart, en honra de John McDouall Stuart, quen en 1862 encabezou unha expedición ao centro de Australia, onde Alice Springs está situada, para poder construír a liña de telégrafos, que se terminou en 1972. A expedición de Stuart abriu o camiño ao interior da illa e permitiu a súa colonización permanente. Con todo, ata o achado de ouro en Arltunga, a 100km da cidade, non houbo ningún asentamento de importancia.
A estación de telégrafos de Alice Springs foi situada preto do que se creu unha reserva de auga permanente, no que era o seco río Todd. Foi chamado Alice Springs en honra á esposa do que entón era o administrador de correos de Australia do Sur, Sir Charles Todd. O medio de transporte que foi usado inicialmente foron os camelos, guiados por emigrantes vindos da fronteira noroccidental da India Británica e Paquistán, que eran chamados cameleiros afgáns.
En 1929 terminouse o ferrocarril Palmerston and Pine Creek, que ía de Darwin a Birdum, mentres que o Great Northern Railway terminouse en 1991, que ía de Port Ausgusta a Oodnadatta. Con todo, non foi ata 2003 cando ambas as liñas uníronse.
Durante a década de 1960 converteuse nunha importante referencia defensiva co desenvolvemento da Pine Gap, unha base de satélites baixo terra, creada polos Estados Unidos e Australia. Con todo, a principal industria da cidade é o turismo grazas á proximidade da montaña Uluru ou tamén chamada Ayers Rock.
O nome que recibe por parte dos aborixes é o de Mparntwe. Segundo as historias dos nativos arrernte, criaturas ancestrais merodean pola zona onde se sitúa a cidade, onde hai numerosos lugares importantes para os nativos, como Anthwerrke (Emily Gap), Akeyulerre (Billy Goat Hill), Ntaripe (Heavitree Gap), Atnelkentyarliweke (Anzac Hill) e Alhekulyele (Monte Gillen). No século XXI, a cidade ten influencias aborixes e occidentais.
A cidade está situada xusto no centro de Australia, nunha zona desértica chamada Red Centre (o Centro vermello). Pola cidade pasa o río Todd, que a maior parte do tempo está seco. As temperaturas cambian drasticamente na cidade, pasando duns 28,8°C de media no verán a uns 11,8°C de media no inverno. A precipitación media é de 286mm, pero pode variar radicalmente de ano a ano.
O tren coñecido como The Ghan é un dos principais medios de transporte da cidade.
A cidade de Alice Springs está comunicada por ferrocarril mediante o tren coñecido como The Ghan, que une Adelaida con Darwin. Tamén hai varios voos diarios con destino a Sidney, Melbourne, Uluru, Adelaida, Perth, Cairns e Darwin. A cidade tamén está comunicada por estrada, a principal delas, a Autoestrada Stuart, que une Darwin con Adelaida vía Alice Springs. Ademais conta cun servizo de autobuses que cobren esa mesma liña.