O clasicismo é o conxunto de características propias das obras de arte da antigüidade clásica e, por extensión, unha tendencia artística ou literaria baseada na proporción, no equilibrio das formas e no respecto á tradición clásica.[1]
Como concepto estético, é unha corrente estética e intelectual que pode aplicarse a distintos períodos e disciplinas, cubrindo todos os dominios da arte, desde a arquitectura e a música ata a pintura e a literatura.[2]
Nun sentido máis histórico e restrinxido, o termo clasicismo designa os movementos artísticos europeos desenvolvidos entre os séculos XVII e XVIII, con cronoloxías distintas segundo os países e as artes: o classicisme francés do século XVII, o clasicismo musical da segunda metade do XVIII ou a renovación posterior das formas antigas no neoclasicismo.[3]
En algúns países, o clasicismo suplantou progresivamente ao barroco, deixando espazo ao romanticismo antes de renovarse a través do neoclasicismo. Expresouse cunha volta cara ás formas clásicas (gregas e romanas) en todas as artes.
Aínda que soe designar a arquitectura dos séculos XVI e XVII, especialmente no reino de Francia e na península itálica, non se identifica cun único período histórico, senón cunha tradición recorrente que reaparece en distintos momentos da arte europea.[3]
Xa o Renacemento do século XII incorporou elementos clasicistas, cun interese renovado pola cultura latina e certas formas da arte grecorromana.[6] Porén, aquela recuperación desembocou en boa medida na arte gótica, mais anticipando trazos que serían desenvolvidos con máis intensidade no Renacemento (XV e XVI).[7]
No Renacemento, o clasicismo consolidouse como unha recuperación da arquitectura antiga, especialmente a partir da península itálica, con autores como Bramante e Palladio.[8][9] Neses séculos, o termo pode empregarse nun sentido específico para designar o classicisme en Francia, diferenciado tanto da arquitectura renacentista como do barroco e do neoclasicismo.[10][11]
Gran Teatro da Ópera Nacional Polaca. Teatr Wielki, de feitura neoclásica, en Varsovia.
A relación entre clasicismo e barroco non sempre é de oposición estrita. O barroco tamén emprega elementos clásicos, mais tende a facelo cun maior dinamismo compositivo e teatralidade. No caso francés, o clasicismo chegou a interpretarse como unha forma de barroco máis sobrio.
Máis tarde, o neoclasicismo retomou novamente a arquitectura antiga con criterios arqueolóxicos e ideolóxicos propios dos séculos XVIII e XIX.[12]
O termo Clasicismo refírese ao estilo musical que domina durante a segunda metade do século XVIII. É o equivalente ao Neoclasicismo do resto das artes.[13]
En Música adóitase coller o ano da morte de Johann Sebastian Bach (1750) para delimitar a fin do Barroco e o comezo do Clasicismo. Obviamente xa atopamos mostras do novo estilo en autores anteriores a esta data, caso de Christoph Gluck e compositores barrocos seguiron escribindo música con posterioridade, coma Händel.
Este estilo caracterízase polo equilibrio e pola proporción, fronte á ornamentación tan característica do Barroco. É a época do nacemento ou da fixación de formas clásicas coma a sonata, a sinfonía, o concerto ou o cuarteto de corda.