Gatibu é un grupo de rock vasco con letras en éuscaro, xurdido na localidade de Gernika. O termo Gatibu que dá nome ó grupo significa "cativo". O grupo xurdiu ó redor de Alex Sardui (ex cantante de Exkixu) no verán de 2002. Nas guitarras está Haimar Arejita, na batería Gaizka Salazar e do baixo encárgase Mikel Caballero.
A lingua que cantan é o dialecto biscaíño do éuscaro (bizkaiera), e non o éuscaro batua ou unificado como fan a maioría de grupos vascos. Por mor deste impulso en defensa do éuscaro biscaíño, recibiron numerosos premios e mencións tanto de institucións como de asociacións culturais.
O seu primeiro disco viu a luz en 2002 e titulouse Zoramena (tolemia). O disco gravouse co selo Oihuka nos estudos de Iñaki 'Uoho' Antón (Extremoduro e Platero y Tú) en Muxika (Biscaia). Con este primeiro disco obtiveron un grande éxito debido a temas como Musturrek sartunde (Metido no morro), que tivo unha grande acollida polo público vasco e obtivo o premio 'Gaztea' á mellor canción do 2003. O disco contou coa colaboración de Adolfo Cabrales 'Fito' (de Platero y Tú e Fito & Fitipaldis) e de Roberto Iniesta 'Robe' (cantante de Extremoduro), que cantaron senllos temas en éuscaro.
No ano 2005 saíu á venda o seu segundo álbum de estudio, Disko Infernu, con temas como Inpernuen ate joka (Tocando a porta do inferno) ou Gogoratzen zaitut (Lémbrote). No ano 2008, sae Laino Guztien Gainetik, Sasi Guztien Azpitik, no 2010 Zuzenean Bizitzeko Gogoa e no ano 2012Zazpi Kantoietan. Euritan Dantzan saíu á venda no ano 2014 e o seu último álbum Aske maitte, aske bizi en 2016.