Unha iurta ou ger mongol.Iurta tradicional kirguís.Muller turca na porta dunha iurta.
A iurta[1] (en mongol: Гэр; romanización: ger)[2] é unha vivenda utilizada polos nómades nas estepas de Asia Central. Distintos pobos usaron este tipo de vivenda desde a Idade Media. Na Idade Media, a vida nómade dos mongois obrigou a que tivesen unha vivenda para os seus constantes desprazamentos. Esta tenda de campaña estaba protexida por unha grosa cuberta, era fácil de transportar e óptima para soportar os intensos cambios climáticos de Mongolia.
A visita a unha iurta implicaba un rigoroso ritual protocolario. Podíase executar unha persoa polo só feito de entrar na iurta dun mandatario sen anunciar previamente a súa visita.
Na antigüidade, a iurta era modular e desmontable, pois estaba formada por varias partes e realizada con diversos materiais. As actuais conservan a forma, pero os materiais utilizados na súa construción cambiáronse por outros máis evolucionados e mellorados tecnoloxicamente. Por exemplo, resultan agora máis lixeiros, resistentes e ignífugos. As súas partes máis diferenciadas eran:
Recubrimento: A tenda estaba cuberta por varias capas de palla e lonas de la. O seu número variaba dependendo da estación do ano.
Anel: Burato que se encontraba na parte central superior da tenda. Soportaba a carga do extremo das vigas máis cara ao interior e, ao mesmo tempo, permitía a saída de fume e a entrada de luz ao recinto.
Jana: Eran as paredes da tenda e formábanse cun tramado de madeiras. Encargábanse de soportar o peso do outro extremo das vigas cara ao exterior, sen necesidade de usar cordas tensoras.
Porta: Estaba delimitada por un marco de taboleiros suxeitos ao jana con cordas. Podía tratarse dunha simple lona reforzada na súa parte posterior cunha madeira con bisagras.
Vigas: Daban unha forma redondeada ao teito. Apoiábanse sobre a parte superior do jana e estendíanse ata o anel. Pola forma na que eran colocadas, non requiría de piares de reforzo no centro da vivenda, o que outorgaba un maior aproveitamento do espazo interno.
Cortina: Localizábase a certa distancia das paredes, colgada das vigas. A súa función era a de separar o espazo común do centro das áreas privadas.
Fóra da zona de uso tradicional da iurta, tamén se empregou, e séguese facendo na actualidade,[cando?] noutros países.[onde?] Hainas máis ou menos fieis ás orixinais, en canto á forma, usos e materiais de construción.