Palenque é unha cidade maia situada no estado mexicano de Chiapas, preto do río Usumacinta. É un dos lugares máis importantes desa civilización. En comparación con outras cidades maias, Palenque ten un tamaño mediano: ben menor que Tikal ou Copán, distínguese porén pola súa arquitectura e escultura.
A zona descuberta até 2005 equivale a uns 2,5km², mais cóidase que non se explorou nin un 10% da superficie total da cidade, ficando aínda máis de mil construcións cubertas pola selva. En 1981, o lugar de Palenque foi designado parque nacional.[1] A Unesco declarouna Patrimonio da Humanidade en 1987.[2]
Palenque é un dos sitios arqueolóxicos máis ricos do sur de México, nos límites da península do Iucatán. Entre as construcións accesibles, figuran as seguintes:
a Pirámide das inscricións;
o Palacio;
o Templo da Cruz;
o Templo da Cruz foliada;
o Templo do sol;
a cancha do xogo de pelota;
o grupo norte.
As construcións están encadradas nun estilo occidental da arquitectura maia.