A misión de SDO pertence a un conxunto de misións encadradas co programa Living With a Star da NASA. A nave estabilízase nos tres eixos apuntando ao Sol. Foi inxectada nunha órbita xeosincrónica de 28 graos de inclinación orbital. O obxectivo da misión é estudar, comprender e predicir os mecanismos de variación solar que afectan á vida na Terra e á tecnoloxía humana.[1][2]
SDO pode enviar datos á Terra a 130 Mbit/s, xerando sobre 1,5 terabytes de datos diarios.[1][2]
Atmospheric Imaging Assembly (AIA): toma imaxes da atmosfera solar en varias lonxitudes de onda para relacionar cambios no exterior do Sol con cambios no seu interior.
Extreme Ultraviolet Variability Experiment (EVE): mide as variacións na irradiancia no ultravioleta extremo do Sol segundo as variacións magnéticas solares para comprender o papel do Sol nas variacións da atmosfera da Terra.
Helioseismic and Magnetic Imager (HMI): o instrumento estuda a orixe da variabilidade solar mediante a análise heliosísmica do interior do Sol e magnetogramas.