Lago Neusiedl
| (de) Neusiedlersee | ||||
| Tipo | lago endorreico steppe lake (en) área protexida da rede Natura 2000 | |||
|---|---|---|---|---|
| Localización | ||||
| División administrativa | Burgenland, Austria e Győr-Moson-Sopron, Hungría | |||
| ||||
| Afluentes | ||||
| Efluente do lago | Einser-Kanal | |||
| Bacía hidrográfica | conca do Danubio | |||
| Características | ||||
| Altitude | 115,45 m | |||
| Profundidade | 1,8 m | |||
| Dimensións | 14 ( | |||
| Superficie | 315 km² | |||
| Superficie da cunca hidrográfica | 1.120 km² | |||
| Patrimonio da Humanidade | ||||
| Tipo | → Europa-América do Norte | |||
| Data | 2001 (25ª Sesión) | |||
| Reserva da biosfera | ||||
| Data | 1979 | |||
| Identificador | https://www.unesco.org/en/mab/lake-ferto | |||
| Sitio Ramsar | ||||
| Identificador | 271 | |||
| Área protexida da rede Natura 2000 | ||||
| Identificador | ||||
| Medicións | ||||
| Volume físico | 320.000.000 m³ | |||
| Sitio web | neusiedler-see.at | |||

O lago Neusiedl (en alemán Neusiedler See, en croata Nežidersko jezero ou Niuzaljsko jezero, en esloveno Nežidersko jezero, en eslovaco Neziderské jazero, en checo Neziderské jezero) ou lago Fertő (en húngaro Fertő tó) é o maior lago endorreico de Europa Central e Europa Occidental, así como o segundo máis grande de Europa despois do mar Caspio, estendéndose entre Austria e Hungría. O lago é salino[1] e abrangue 315 km², dos cales 240 km² están no lado austríaco e 75 km² no lado húngaro. A súa conca de drenaxe é duns 1.120 km² aproximadamente tres veces o seu tamaño, sen contar o propio lago. De norte a sur, o lago ten unha lonxitude duns 36 km, e unha anchura de entre 6 km e 12 km de leste a oeste. De media, a súa superficie sitúase a 115.45 m sobre o nivel do mar Adriático e a súa profundidade non supera os 1.8 m.
A paisaxe circundante estivo habitada desde arredor do ano 6000 a.C., e as vilas e aldeas arredor do lago serviron durante séculos como puntos de encontro e de intercambio comercial para a poboación local e outras culturas.[2] Dada a súa importancia cultural e a arquitectura rústica tradicional das súas localidades, o lago Neusiedl e a súa contorna figuran na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO desde o ano 2001.[2]
Fluctuacións do nivel da auga
[editar | editar a fonte]No pasado, as precipitacións provocaban inundacións significativas (que en 1768 fixeron que o lago acadase a súa maior extensión coñecida, de 515 km²), mentres que a aridez provocaba unha redución da súa superficie. Non obstante, producíanse cambios frecuentes en función do nivel freático, condicionados polas variacións meteorolóxicas.
A estratigrafía revela que o leito do lago quedou totalmente seco polo menos 100 veces desde a súa formación, hai entre 18.000 e 14.000 anos (a.C.). As desaparicións completas do lago —especialmente entre 1740 e 1742, entre 1811 e 1813 e, máis recentemente, en 1866, cando o diario persoal dun veciño, Gottlieb Wenzel, rexistrou que cruzara o leito o 4 de xuño sen ensuciar as botas— quedaron amplamente documentadas. Partes do leito do lago destináronse á agricultura, cultivábanse trigo e nabos. Porén, en 1871 o lago comezou a reaparecer e, na primavera de 1876, xa recuperara o seu tamaño habitual. A última desaparición (breve e parcial) tivo lugar durante o verán de 1949, cando a parte norte do leito do lago (aproximadamente ata a latitude de Podersdorf am See) quedou seca durante unhas semanas. En cada ocasión, o desecamento do leito do lago provocou importantes alteracións ambientais:
- Perdeuse o efecto humidificador e de mitigación das ondas de calor que proporcionaba a gran masa de auga.
- O vento transportaba grandes cantidades de po salgado cara ás localidades veciñas.
En épocas anteriores, o lago denominábase ás veces "pantano", o que suxire un nivel de auga moi baixo e unha proliferación de xuncos por todo o leito. Dous rexistros, datados en 1318 e 1324 respectivamente, mencionan un "río", o que implica que nesa época o lago podería terse reducido a unha estreita masa de auga con lixeira corrente que se estendía de norte a sur.
Hoxe en día, o desbordamento das beiras evítase mediante unha canle de drenaxe artificial (o Einserkanal) e unha esclusa en territorio húngaro, preto de Fertőújlak, pola súa banda, as cuestións bilaterais son xestionadas pola comisión de augas austro-húngara, creada en 1956. Non obstante, seguen a producirse flutuacións comparativamente menores. En 1965, o lago gañou 100 millóns de metros cúbicos de auga nun só mes, o que elevou o seu nivel en 35 cm. Durante a seca de 2003 produciuse un descenso de 30 cm nun ano. Ambos os sucesos considéranse dentro dos límites normais, tal e como sinalaron publicamente as autoridades locais responsables da planificación. A evaporación pode verse intensificada ou compensada polos efectos da presión atmosférica, o que por si só pode xerar unha variación de 75 cm. O lago é sensible aos cambios no seu equilibrio, tal como demostraron recentes simulacións de escenario de cambio climático.

Antes das obras de regulación do século XIX, o lago chegaba polo sueste ás zonas pantanosas de Hanság (alemá Waasen), que foron progresivamente drenadas e gañadas para a agricultura a partir do século XVI. Orixinalmente, o lago estaba, polo tanto, estreitamente conectado cos sistemas fluviais do Danubio e do río Rába.
Natureza e vida silvestre
[editar | editar a fonte]A maior parte do lago está rodeada de canaveiras, un hábitat para a fauna (o que converte o lago nun importante lugar de descanso para as aves migratorias): As canaveiras recóllense no inverno, en canto o xeo é o suficientemente sólido. Isto beneficia tanto a ecoloxía (ao retirar a maior parte da materia orgánica que, doutro xeito, se descomporía no lago) como a economía local (a canaveira véndese para diversos fins, principalmente relacionados coa construción e a vivenda). Durante os meses de verán prodúcense incendios ocasionais nos canavais, xa que o xunco seco é facilmente inflamable, estes lumes adoitan propagarse rapidamente debido á frecuencia do vento. A calidade da auga vén determinada pola temperatura, o vento e a cantidade de sal e lama que emanan dos sedimentos xunto coa auga subterránea.
Durante a primeira metade do século XX propuxéronse varios plans para a construción de presas e outras obras invasivas —encamiñadas ao crecemento económico ou á obtención de enerxía sostible— que ameazaban directamente os seus biotopos endémicos (hábitats de augas salobres e clima temperado, relativamente uniformes e pouco comúns, que acollen centos de especies). En 1918 aprobouse definitivamente un proxecto de drenaxe para recuperar unha gran superficie de terreo —que tería un solo razoablemente fértil— e para desenvolver a acuicultura intensiva. O proxecto abandonouse cando, ao rematar a Primeira Guerra Mundial ese mesmo ano, a maior parte do lago pasou a formar parte do territorio austríaco. En 1971, os plans para construír unha ponte sobre a parte austríaca do lago frustráronse pola oposición de grupos ecoloxistas.
En 1993, o Parque Nacional de Neusiedler See-Seewinkel obtivo recoñecemento internacional como reserva de categoría II da UICN. En 2001, os parques nacionais de Austria e o Fertő-Hanság de Hungría declaráronse conxuntamente Patrimonio da Humanidade. O lago Neusiedl e as súas zonas circundantes en Austria tamén gozan de protección ao abeiro da Convención de Ramsar sobre zonas húmidas.
Mamíferos
[editar | editar a fonte]Rexistráronse máis de 40 especies de mamíferos na zona, incluíndo o esquío terrestre europeo, o furón das estepas e o hámster europeo.
Aves
[editar | editar a fonte]Na zona rexistráronse máis de 300 especies de aves, os primeiros estudos realizounos o naturalista húngaro István Fászl. Delas, arredor de 150 crían na zona, o que representa preto do 40 % das especies de aves europeas e o 80 % das austríacas. A área alberga unha das maiores poboacións reprodutoras de garza branca grande, con ata 700 parellas. Tamén hai arredor de 35 parellas de garza real e 70 parellas de sisón común. Unha das especies máis coñecidas da zona é a cegoña branca, considerada un símbolo da rexión. Outras especies presentes inclúen a cullerete, a garza imperial, a aguia imperial oriental, a aguia mariña de cola branca, o ganso cincento, a oriol, o abellaruco europeo, a avoceta común, o combatente, o píllara das dunas, o carrán común, o bilurico vermello, a agulla de cola negra, o mazarico real, a lavandeira amarela, o bufo chairego, o gatafornela cincenta, o avetouro e moitas outras de interese para os observadores de aves locais e visitantes.
Peixes
[editar | editar a fonte]As especies de peixes autóctonas inclúen o lucio, a lucioperca, a carpa común e o siluro, xunto con numerosos ciprínidos e outras especies menores, como o espinoso, o alburno, a boga, a brema e a papalva. A anguía europea non é autóctona do lago, senón que introducíuse como fonte de alimento para o ser humano. Debido a preocupacións ambientais, prohibiuse a solta de máis exemplares novos de anguía. Tamén se introduciron a carpa prusiana e o peixe sol.
Anfibios
[editar | editar a fonte]A ra arborícola europea é unha especie común na zona. Outros anfibios que se poden atopar, especialmente na franxa de carrizos e na beira do lago, inclúen o sapo común, o sapo verde europeo, o sapo de esporóns, a ra dos campos, a ra áxil, a ra de lagoa, a ra común, a ra comestible e o sapo de ventre amarelo. Tamén están presentes o tritón de cristas do Danubio e o tritón punteado.
Réptiles
[editar | editar a fonte]Os réptiles están representados pola cobra de colar e varias especies de lagartos, incluíndo o lagarto verde europeo, o lagarto de area e o lagarto vivíparo. Ocasionalmente pódense ver cobras de dados, pero a víbora das estepas, que identificárase anteriormente nas proximidades do lago, non se viu desde 1973.
Cidades e pobos arredor do lago
[editar | editar a fonte]Os vestixios de asentamentos humanos arredor do lago Neusiedl remóntanse ao período Neolítico. A zona poboouse densamente a partir do século VII a.C., inicialmente por xentes da cultura de Hallstatt, e mantívose así durante a época romana. No ano 454 naceu aquí Teodorico o Grande, o rei máis destacado dos ostrogodos. Preto de Fertőrákos hai dúas vilas romanas e un templo de Mitra do século III aberto aos visitantes. As localidades máis importantes que se conservan á beira do lago son Illmitz, Podersdorf am See, Weiden, Neusiedl am See, Jois, Winden, Breitenbrunn, Purbach am Neusiedlersee, Donnerskirchen, Oggau, Rust e Mörbisch en Austria, e Sopron, Fertőrákos, Fertőboz, Fertőd, Balf e Fertőújlak en Hungría, as comunidades de Illmitz, Apetlon e Podersdorf am See conforman a chamada Seewinkel (recuncho do lago), situada entre o lago e a fronteira húngara. Os nomes en húngaro das localidades austríacas situadas á beira do lago figuran entre parénteses.
Galería
[editar | editar a fonte]- Donnerskirchen / Austria
- Niños de cegoña branca típicos da rexión
- Frauenkirchen / Austria
- Schloss Esterházy / Austria
- Lago Neusiedl en Podersdorf durante o solpor
- Cova en Fertőrákos / Hungary
- Fertőszéplak / Hungría
- Palacio Széchenyi en Nagycenk / Hungría
- Sarród / Hungría
- Palacio de Esterházy / Hungría
- Fertő tó
Turismo
[editar | editar a fonte]Aínda que se mantén como un hábitat de vida silvestre protexido, a rexión do lago Neusiedl —especialmente na súa parte austríaca— atrae un número considerable de turistas. O lago é coñecido como o "mar dos vieneses", xa que ofrece amplas posibilidades para a navegación a vela e o windsurf a unha distancia razoable de Viena. Tamén se practica a pesca con fins comerciais.
Os baixos niveis da auga provocan que, ás veces, os barcos de vela e de pesca encallen con moita máis frecuencia, o que prexudica moitos puntos de amarre. Por outra banda, estas condicións facilitan en certa medida a travesía anual a pé e de estilo libre que vai de Mörbisch a Illmitz. Poden participar neste evento —recuperado en 2004— todas aquelas persoas que saiban nadar e midan máis de 160 cm.
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ "Fertö / Neusiedlersee Cultural Landscape". UNESCO World Heritage Centre. Consultado o 21 de agosto de 2025.
- 1 2 "Fertö / Neusiedlersee Cultural Landscape". UNESCO World Heritage Convention. United Nations Educational Scientific and Cultural Organization. Consultado o 27 de maio de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lago Neusiedl |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- páxina oficial (en inglés)
- Lake Neusiedl at funiq.hu (en inglés)
- Explore the Fertő / Neusiedlersee Cultural Landscape in the UNESCO Collection on Google Arts and Culture
