Saltar ao contido

Venera 10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venera 10
Imaxe
 Instancia de
 Parte de
Implicados
 Operador/a
Datas
 Fin de actividade
decembro de 1975 Editar o valor en Wikidata
 Lanzamento
14 de xuño de 1975 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Acontecementos importantes
Localización
 Lugar de saída
Fontes e ligazóns
Freebase/m/02v4mm Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

Venera 10 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 14 de xuño de 1975 mediante un foguete Proton K Blok D desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a atmosfera e a superficie de Venus. Foi a segunda sonda en obter imaxes da superficie de Venus e o seu módulo orbital foi o segundo satélite artificial do planeta despois do de Venera 9, lanzada uns días antes.[1][2][3][4][5][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Venera 10, xunto con Venera 9, representou un cambio radical no deseño de sondas soviéticas a Venus, sendo un modelo máis pesado e complexo que os anteriores, coa sonda de superficie capaz de analizar o solo do planeta e obter imaxes da superficie e o bus entrando en órbita co seu propio conxunto de instrumentos. Era tan pesada na engalaxe (case 5 toneladas) que xa non podía ser lanzada por foguetes Molniya, tendo que usarse o máis potente foguete Proton. Foi lanzada seis días despois de Venera 9. Venera 10 estaba formada por dous compoñentes: un orbitador e un módulo de descenso.[1][2][3][4][5][6][7]

O orbitador usaba o bus 4V, baseado no M-71 marciano, e estaba composto por un cilindro de 110 cm de diámetro acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, rodeado por un compartimento cónico con dous paneis solares e unha antena de alta ganancia de 1,6 m de diámetro. No extremo inferior do cilindro atopábase o motor KTDU-425A e na parte superior atopábase a esfera de 2,4 m de diámetro co módulo de descenso no seu interior. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e seis antenas omnidireccionais helicoidais, catro para as comunicacións coa Terra e dúas para a comunicación co módulo de descenso. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban a unha frecuencia de 769 MHz cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo cunha capacidade de 16 MB. Dun dos paneis solares estendíase un mastro cun magnetómetro no extremo e o control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores.[1][2][3][4][5][6][7]

O módulo de descenso, cunha masa de 1560 kg, iba acaroado á parte superior do orbitador e incluía a esfera protectora para a reentrada atmosférica. Estaba formado por unha esfera de titanio de 80 cm de diámetro montada sobre unha serie de puntais sobre unha plataforma de aterraxe toroidal e cun disco tamén de titanio na parte superior a modo de aerofreo, coroado por un cilindro. A esfera iba cuberta con 12 cm de illante térmico e un delgado recubrimento de titanio. O interior tamén iba recuberto de illante térmico, usando nitrato de litio como acumulador térmico para atrasar o quencemento e un ventilador para redistribuir o calor. A sonda de aterraxe en si medía 2 m de alto e unha masa de 660 kg. Podía transmitir datos a 256 bit/s cara o orbitador mediante a antena enrollada no cilindro da parte superior. A bordo levaba un sistema de imaxe panorámica montado a 90 cm por enriba da base (similar ao sistema de Luna 9), varios termómetros, un barómetro, un anemómetro, un espectrómetro de masas, varios fotómetros, un nefelómetro, un espectrómetro de raios gamma, un densitómetro de radiación e varios acelerómetros.[1][2][3][4][5][6][7]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

A cápsula de descenso levaba os seguintes instrumentos a bordo:[2][6][7]

  • Dúas cámaras ciclorámicas para a obtención de panoramas. Estaba no interior do aterrizador e obtiñan imaxes mirando a través de pequenas xanelas de cuarzo. O aterrizador levaba catro lámpadas halóxenas no exterior para o caso de que a iluminación non fora suficiente, pero non foron necesarias.
  • Un nefelómetro de retrodispersión.
  • Un nefelómetro multiangular.
  • Un espectrómetro de masas.
  • Un fotómetro no visible e no infravermello.
  • Un fotómetro infravermello para as bandas do dióxido de carbono e do auga.
  • Un espectrómetro de raios gamma.
  • Un densitómetro de raios gamma.
  • Termómetros.
  • Barómetros.
  • Acelerómetros.

O orbitador, pola súa banda, levaba estesinstrumentos:[2][6][7]

  • Un espectrómetro infravermello na banda de 1,6 a 2,8 μm.
  • Un radiómetro infravermello na banda de 8 a 28 μm.
  • Un fotómetro ultravioleta na lonxitude de onda de 352 nm.
  • Un espectrómetro para a banda entre 300 e 800 nm.
  • Un espectrómetro para a liña Lyman alfa.
  • Un radar de cartografía biestático.
  • Experimento de ocultación por radio.
  • Un magnetómetro triaxial.
  • Unha cámara ultravioleta para entre 345 e 380 nm.
    • Unha cámara para entre 355 e 445 nm.
  • Seis analizadores electroestáticos.
  • Dúas trampas de ións moduladas.
  • Un dector de baixa enerxía para protóns e partículas alfa.
  • Un dector de baixa enerxía para electróns.
  • Tres contadores semicondutores.
  • Dous contadores de descarga de gas.
  • Un detector Cherenkov.

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

A Venera 10 engalou o 14 de xuño de 1975 a bordo dun foguete Proton K Blok D cara Venus con dúas correccións de traxectoria, unha o 21 de xuño e outra o 18 de outubro. O módulo de descenso foi exectado o 23 de outubro despois de arrefriarse o seu interior ata -10 °C para alongar a súa vida na superficie de Venus, mentres que o orbitador executou dous acendidos, un o mesmo 23 de outubro e outro o 25, poñendo a nave nunha órbita de 1500 km de periapse e de 114 000 km de apoapse arredor de Venus, cun período orbital de 49,38 horas e unha inclinación orbital de 29,5°. O orbitador servíu de enlace co módulo de descenso e despois modificou a súa órbita a unha de 1651 km de periapse e 113 923 km de apoapse cunha inclinación de 29,1°. Estivo facendo observacións científicas ata que o seu transmisor fallou, tres meses despois. A sonda de superficie tocou o solo de Venus o 25 de outubro ás 2:17 UTC, despois de soportar a entrada atmosférica protexida polo escudo térmico. Tres paracaídas ralentizaron a sonda e foron exectados a 49 km de altura, co resto da viaxe ata a superficie decelerando co aerofreo de titanio e suavizando o impacto coa base toroidal, preto da zona coñecida como Beta Regio, a uns 2000 km de Venera 9. Ao igual que esta, o sistema de imaxe so puido tomar unha panorámica de 180° en lugar dos 360° previstos debido a que a tapa dunha das cámaras non se separou. A sonda transmitíu durante 65 minutos antes de que o orbitador desaparecera da súa liña de visión.[1][2][3][4][5][6][7]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]
Imaxe da superficie de Venus obtida por Venera 10.

Venera 10 atopou unha presión de 92 atm na superficie e unha temperatura de 465 °C. Os datos proporcionados polo densitómetro e o espectrómetro de raios gamma indicaron que as rochas da zona de aterraxe estaban compostas por basalto. Os resultados dos nefelómetros indicaron a existencia de tres capas de nubes principais, cunha base a uns 49 km sobre a superficie. As nubes parecen ser moi tenues, como unha bruma lixeira cunha visibilidade de varios quilómetros, pero o seu gran espesor impide ver por debaixo da capa superior. Os espectrómetros mediron unha cor laranxa máis acentuada canto máis profundo se vai na atmosfera, suxerindo algunha clase de composto absorbedor da luz azul sumado aos efectos da dispersión Rayleigh. O espectrómetro de masas, como o da Venera 9, atopou problemas, posiblemente debido a contaminación polo material das nubes, pero permitiu detectar nitróxeno, amoníaco e sulfuro de carbonilo. O orbitador fixo varias medicións remotas da atmosfera e o seu radar obtivo información do relevo da superficie venusina.[1][2][3][4][5][6][7]

  1. 1 2 3 4 5 6 N2YO (2025). Real Time Satellite Tracking, ed. "VENERA 10 BUS" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2025.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 8 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 10" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2025. Consultado o 29 de novembro de 2025.
  3. 1 2 3 4 5 6 Gunter Dirk Krebs (2025). Gunter's Space Page, ed. "Venera 9, 10, 11, 12 (4V1 #1, 2, 3, 4)" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2025.
  4. 1 2 3 4 5 6 Mark Wade (2025). "Venera 4V-1" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2025.
  5. 1 2 3 4 5 6 "Letter dated 18 August 1975 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics to the United Nations addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (75-16760). 26 de agosto de 1975: 3. Consultado o 29 de novembro de 2025.
  6. 1 2 3 4 5 6 7 8 Don P. Mitchell (2003). "First Pictures of the Surface of Venus" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2025.
  7. 1 2 3 4 5 6 7 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 10 Descent Craft" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2025. Consultado o 29 de novembro de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]