Os aterrizadores de Venera 11 e 12 tiñan un deseño similar ao de Venera 9 e Venera 10. Eran tan pesadas que xa non podían ser lanzada por foguetes Molniya, tendo que usarse o máis potente foguete Proton. Foi lanzada cinco días despois de Venera 11. Venera 12 estaba formada por dous compoñentes: un orbitador e un módulo de descenso.[1][2][3][4][5][6][7]
O orbitador usaba o bus 4V, baseado no M-71 marciano, e estaba composto por un cilindro de 110 cm de diámetro acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, rodeado por un compartimento cónico con dous paneis solares e unha antena de alta ganancia de 1,6 m de diámetro. No extremo inferior do cilindro atopábase o motor KTDU-425A e na parte superior atopábase a esfera de 2,4 m de diámetro co módulo de descenso no seu interior. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e seis antenas omnidireccionais helicoidais, catro para as comunicacións coa Terra e dúas para a comunicación co módulo de descenso. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban a unha frecuencia de 769 MHz cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo cunha capacidade de 16 MB. Dun dos paneis solares estendíase un mastro cun magnetómetro no extremo e o control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores.[1][2][3][4][5][6][7]
O módulo de descenso, cunha masa de 1600 kg, iba acaroado á parte superior do orbitador e incluía a esfera protectora para a reentrada atmosférica. Estaba formado por unha esfera de titanio de 80 cm de diámetro montada sobre unha serie de puntais sobre unha plataforma de aterraxe toroidal e cun disco tamén de titanio na parte superior a modo de aerofreo, coroado por un cilindro. A esfera iba cuberta con dúas capas de illante térmico (unha escuma de poliuretano de alta temperatura denominada KG-25 e un escudo térmico de alta temperatura e composición descoñecida) e un delgado recubrimento de titanio. O interior tamén iba recuberto de illante térmico, usando nitrato de litio como acumulador térmico para atrasar o quencemento e un ventilador para redistribuir o calor. A bordo levaba instrumentos adicionais con respecto de Venera 9 e 10, na súa maior parte no exterior do módulo, incluíndo un sistema de imaxe panorámica, un cromatógrafo de gases, varios termómetros, barómetros e anemómetros e un sensor de ondas de radio no rango dos kHz, denominado GROZA, usado como detector de descargas eléctricas. Por primeira vez levouse un trade para recoller mostras do solo e analizalo no interior do módulo de descenso. Ademais, para deixar máis sitio para experimentos de análises atmosféricas, o sistema de paracaídas reduciuse a tan só un paracaídas piloto, un paracaídas de freado supersónico e un só paracaídas de descenso que se soltaría por debaixo dos 49 km de altura, deixando o módulo en caída libre para impactar a uns 8 m/s contra o solo. O descenso completo levaría sobre unha hora.[1][2][3][4][5][6][7]
A cápsula de descenso levaba os seguintes instrumentos a bordo:[2][6][7]
O orbitador, pola súa banda, levaba estesinstrumentos:[2][6][7]
A ventá de lanzamento de 1978 non era óptima e tanto Venera 11 como 12 chegaron a Venus con tres veces a enerxía cinética de Venera 9 e 10, polo que non se contemplou que os buses entraran en órbita. En cambio, planificouse a traxectoria de tal xeito que os buses seguirían unha traxectoria hiperbólica que os mantivese o tempo suficiente á vista dos módulos de descenso como para retransmitir tódolos resultados científicos. A Venera 12 engalou o 14 de setembro de 1978 a bordo dun foguete Proton K Blok D-1 cara Venus, facendo dúas manobras de corrección de traxectoria, unha o 21 de setembro e outra o 14 de decembro. O módulo de descenso tocou terra o 21 de decembro a 7° S e 299° E mentres o bus sobrevoaba o planeta a unha distancia mínima de 34 000 km, recollendo os datos do aterrizador durante 110 minutos ata que quedou fora da súa liña de visión. A análise dos mesmos mostrou que as cámaras non estaban obtendo imaxes. Máis tarde atopouse que as tapas das cámaras, de deseño distinto ás de Venera 9 e 10, formaron un selo impedindo igualar a presión atmosférica e facendo imposible exectalas, un problema que sufriu tamén Venera 11. Os experimentos de análise do solo tamén fallaron debido á perda dos selos de presión, e o penetrómetro non chegou a funcionar. O bus seguiu a súa órbita heliocéntrica, facendo medicións do espazo interplanetario. Fixo unha corrección de traxectoria o 5 de febreiro de 1979 para facer medicións espectrométricas do cometa Bradfield en marzo de 1980. O contacto co bus perdeuse o 18 de abril de 1980 despois do fallo do sistema de orientación.[1][2][3][4][5][6][7]
Venera 12 atopou unha presión de 93,6 atm na superficie e unha temperatura de 468 °C. Os novos experimentos atmosféricos conseguiron detectar gases traza e atopar que o cloro era dez veces menos abundante que o xofre na atmosfera. O instrumento GROZA detectou pulsos de radio de baixa frecuencia parecidos aos que xeran os [[lóstrego]s na Terra, aínda que menos intensos que os detectados por Venera 11, cos datos apuntando a que os pulsos se xeraron na atmosfera profunda, por debaixo da capa de nubes.[1][2][3][4][5][6][7]